Xabier P. DoCampo
Debuxo de Xosé Cobas |
Foi un escritor, mestre, actor e narrador oral chairego que naceu o 5 de abril de 1946 en Rábade (Lugo) e morreu o 28 de xuño de 2018 na Coruña. Aos sete meses a súa familia trasladouse a Castro de Ribeiras de Lea (Castro de Rei, Lugo), onde foi por vez primeira á escola. Máis tarde, a súa familia foi vivir á Coruña, onde fixo o bacharelato e estudou maxisterio.
Como mestre traballou en varias escolas, entre elas na Escola Fogar de Santa Margarita, onde foi o titor de prácticas de Agustín Fernández Paz, chairego coma el, co que axiña amizaría. Durante oito cursos traballou no programa Preescolar na Casa e ao longo da súa carreira como mestre sempre estivo relacionado cos movementos de renovación pedagóxica, sendo un dos fundadores de Nova Escola Galega e membro do consello de redacción da Revista Galega de Educación. Escribiu libros de texto de lingua galega e textos sobre a lectura e a utilización educativa da narración oral.
Tamén foi actor e director de teatro, traballou en Radio Nacional de España en Galicia, como escritor de guións e director de programas. Nos últimos anos da súa vida colaborou no programa Un día por diante da Radio Galega. Participou na creación da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX), da que foi un dos seus primeiros presidentes, e escribiu sempre en galego columnas semanais nos xornais. En 2009 foi un dos fundadores de Prolingua, plataforma de defensa e promoción da lingua galega.
Publicou trinta e cinco libros de literatura infantil e xuvenil en galego, traducidos boa parte deles ao castelán, catalán, éuscaro, portugués, asturiano e inglés. Obtivo moitos premios pola súa obra, entre outros, o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por Cando petan na porta pola noite (1994), o da Biblioteca de Múnic por Bolboretas (2004) e o Premio da Crítica de Galicia e Premio Gala do libro galego por A nena do abrigo de astracán (2017), a súa derradeira novela, escrita para persoas adultas.
Xabier Docampo publicou novelas como O misterio das badaladas (1986), o seu primeiro libro, O pazo baleiro (1997), A casa da luz (2002), O libro das viaxes imaxinarias (2008) ou A illa de todas as illas (2013); contos como Roxelio e a couza (1991) ou Un conto de tres noites (2001); biografías como Breogán (1998); cartas como Catro cartas (2000); álbums como Mans (2011), en colaboración con Daniel Puente, ou O pintor cego (2020), obra póstuma en colaboración con Xosé Cobas, que ilustrou moitos dos seus libros.
Para saber máis:
– Autobiografía (febreiro de 2004).
– Blog de Xabier P. Docampo (Archive.org, 2016).
– Fototeca Xabier P. DoCampo (AELG).
– Videoteca Xabier P. DoCampo (AELG).
– Artigos de e sobre Xabier P. DoCampo (AELG).
– Por que comecei a escribir? (Videoteca AELG, 2007)
– Xabier P. DoCampo le un fragmento de O libro das viaxes imaxinarias (Acto de Primavera, outubro de 2018)
– Xabier P. DoCampo fala da súa obra no Culturgal (AELG decembro 2008).
– Xabier P. DoCampo no Lendo contigo (Espazo Lectura, 30 de maio 2009).
– Xabier P. DoCampo fala d'A nena do abrigo de astracán: a novela + o cinema da novela (Acto de Primavera, novembro de 2017).
– Xabier P. DoCampo fala da súa vida (Pixifilms, fotos e audio, 30 de maio 2019).
– Xabier P. Docampo le un fragmento de Contos de tres noites (Videoteca AELG, 2019).
– Xabier P. DoCampo na voz da amizade (Homenaxe 29 de maio de 2020).
– Ficha autor (Xerais 2024).
– Entrada Galipedia (2024).