O editor Antonio Ventura incitou a Xabier P. DoCampo a que escribise un libro sobre o valor da lectura dirixido a persoas mediadoras. Tirando dese fío, Xabier, namorado do xénero epistolar como recurso creativo e de intervención política, escribiu unha das súas obras senlleiras, Catro cartas (Anaya, 2000; Xerais, 2020), na que reflexiona sobre a literatura como emoción compartida e os libros como un espazo de encontro. Dirixidas á amada, ao fillo, á mai e a Tusitala (R.L.S.), cun quinta peza, fóra de catálogo, a quen lese as anteriores, DoCampo reflexiona con lucidez e beleza sobre a lectura (tamén a escritura) como un traxe que lle senta ben a alma e fai a vida máis fermosa. Lectura e escritura, nas súas palabras, que desempeñan a función «de nos axudaren a nos coñecer e recoñecer», «dúas iniciativas individuais que nos axudan a indagar en nós e, ao mesmo tempo, se substancian no outro, por medio da entrega, da xenerosidade e do amor». O vindeiro venres, 5 de abril, ca...